Pulo ao selo Galicia Calidade como única marca para produtos do agro e do mar
O Consello da Xunta deste xoves reuniuse fóra de San Caetano, nun pazo do rural. A cita foi no pazo de Quián, no concello coruñés de Boqueixón, que se acaba de rehabilitar. Un xesto ao renacemento do rural, porque, de feito, foi unha xuntanza practicamente monográfica: centrada en asuntos relacionados co agro.
A Xunta propón que todos os produtos agrogandeiros e pesqueiros do país con distintivo se unan no único selo de Galicia Calidade. Iso, din, axudará á investigación e promoción dos alimentos.
"Defendemos que o rural poida vivir do rural, por iso necesitamos a Galicia Calidade e a aposta polo valor engadido", asegura o conselleiro do Medio Rural, José González.
Alberto Núñez Feijóo volveu reclamar ao Goberno cambios na lexislación para garantir prezos xustos para os produtores do medio rural. Solicítalle tamén incentivos fiscais para gandeiros, agricultores e silvicultores coma os que xa hai en Galicia.
"Setenta mil familias xa se beneficiaron dos impostos cero no rural. Pretendemos que ese modelo se implante en toda España", afirma o presidente da Xunta.