CRTVG

Buscar

A Xunta permite nos eventos ao aire libre 5.000 persoas de pé e 10.000 sentadas

Publicado o 10/06/2021 19:22
A Xunta permite nos eventos ao aire libre 5.000 persoas de pé e 10.000 sentadas

EFE

EFE

A melloría da situación sanitaria e o avance da vacinación permitiu á Xunta de Galicia flexibilizar as normas para celebrar eventos culturais ao aire libre en que finalmente se poderán reunir ata 5.000 persoas de pé e 10.000 sentadas. Así o avanzaron o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o titular de Sanidade, Julio García Comesaña, nun acto ao que asistiron representantes de colectivos da música en diferentes formatos como festivais e verbenas aos que lles pediu responsabilidade para a celebración de eventos este verán.

O protocolo, elaborado co sector, establece diferenzas entre ocupacións para eventos de pé e sentados, pero, en ambos os formatos, permitirase contar cun recinto específico para o consumo de comida e bebida.

No caso dos eventos de pé, explicou Román Rodríguez, a capacidade máxima será de 5.000 persoas que terán que dividirse en “celas ou sectores” independentes e que contarán con “circuítos propios” de entrada e saída. Ademais, nos eventos de pé unicamente se poderá utilizar o 33 por cento da superficie total do lugar onde se celebre o concerto ou verbena. Neste caso, habilitaranse espazos para o consumo de alimentos e bebidas nunha “zona acoutada”.

Doutra banda, para os eventos sentados ao tope será de 10.000 persoas e os sectores poderán ser de mil persoas. O recinto poderá ocuparse ata o 50 por cento. Neste formato existirá unha área gastronómica con bebidas e comidas, pero tamén poderá utilizarse un “sistema de servizo específico” para servir persoas sentadas, “coma se fose unha terraza”, explicou o titular de Cultura. Román Rodríguez puxo en valor que o protocolo presentado hoxe contempla medidas “máis favorables e máis laxas” que as anunciadas hai unhas semanas xa que a situación favorece ser máis permisivos aínda que, en todo caso, “a situación non está gañada” e “temos que seguir tendo moita precaución”.

Estas medidas entrarán en vigor mañá mesmo aínda que os conselleiros confían en que non sexan “estáticas” e se poida “reformular algunha destas cuestións en positivo”. En todo caso, Comesaña explicou que a ocupación sempre dependerá da situación epidemiolóxica do concello onde se celebre de forma que, por exemplo, nun municipio con restricións máximas non se poderá levar a cabo o concerto ou verbena. Mentres que se a incidencia acumulada a 14 días está entre 25 e 75, o máximo de persoas asistentes será de 2.000, e se está entre 74 e 150, o tope estará en mil. 

 Así, o conselleiro insistiu en que este protocolo está “adaptado á situación que temos hoxe que é moito mellor que a que tiñamos hai poucas semanas” pero aínda hai que ser prudentes porque aínda “temos 15 persoas ingresadas nas UCI”. “O virus aínda está aquí” e hai que ter especial precaución co sector máis novo xa que poida que non estean vacinados cando comecen a celebrarse estes eventos. 

 

Noticias web

10/06/2021