CRTVG

Buscar

A Xunta publica un informe que di que o Goberno está obrigado a pagar a débeda aínda que estea en funcións

Publicado o 02/09/2019 13:40

• O conselleiro de Facenda descartou a vía xurídica para reclamar os 700 millóns de euros ao Estado 

 

 

A Xunta publica un informe que di que o Goberno está obrigado a pagar a débeda aínda que estea en funcións

A Xunta reclamou este luns unha solución urxente para desbloquear os 700 millóns que o Estado lle debe a Galicia e fixo público un informe dos seus servizos xurídicos en que defenden que o Goberno está obrigado a entregar as devanditas cantidades aínda estando en funcións.

O informe foi dado a coñecer este luns nunha conferencia de prensa do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e do titular de  Facenda, Valeriano Martínez. No ditame dos servizos xurídicos indican que "o sistema de financiamento autonómico debe de ser cumprido polo Goberno estatal con independencia de que se atope ou non se atope en funcións", segundo o texto do informe lido polo vicepresidente.

O conselleiro de  Facenda, pola súa banda, cualificou a débeda contraída polo Estado con Galicia como "unha situación de falta de pagamentos". "Eses fondos xa existen, son das comunidades autónomas", asegurou.

Martínez descartou a vía xurídica para reclamar esas cantidades ao Estado: "Non é o momento da vía xurídica; non cremos nese tipo de solucións de carácter bilateral ou de quen é máis listo ca os outros".