A Xunta emitiu case dous millóns de certificados covid para a cidadanía

A Xunta emitiu un total de 1.907.909 certificados covid. Deles, 1.836.990 foron de vacinación, 43.405 de resultado de proba diagnóstica e outros 27.514 acreditativos de superar a enfermidade.
Ademais, e tras aprobar o Goberno de España a venda de tests nos despachos de farmacia, a Administración autonómica asinou un acordo cos colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia para que as boticas adheridas poidan acreditar a validez dos resultados destas probas e integrar os seus resultados nos rexistros do sistema público de saúde.
Ata o día de hoxe, as oficinas de farmacia, informa o comunicado, rexistraron os resultados das probas dun total de 40.677 persoas, que permitiron localizar 495 persoas contaxiadas.
Así mesmo, a Xunta, en colaboración coas áreas sanitarias, estivo a realizar tests de antíxenos de xeito gratuíto nos puntos situados nos diferentes distritos sanitarios. Unha vez pechados, o balance final indica que se realizaron tests a un total de 27.816 persoas, o que permitiu detectar 311 casos positivos.