A Xunta elimina a máscara obrigatoria no deporte federado, salvo para os nenos

EP
A máscara deixa de ser obrigatoria no deporte federado para os maiores de 12 anos. A Secretaría Xeral para o Deporte confirmou coa autoridade sanitaria que se permitirán medidas de protección fronte á covid−19 "alternativas" ao uso deste elemento, pero quedan excluídos os nenos menores de 12 anos, que deberán usala de forma obrigatoria.
Cabe destacar que a poboación menor de 12 anos non ten autorizada a vacina contra a covid−19 e, por tanto, non recibiu este medicamento para a inmunización, aínda que si está en estudo da Axencia Europea do Medicamento pero hai discrepancias entre os expertos sobre a súa inoculación.
Así pois, este grupo de idade queda no limbo no levantamento de medidas que se promoven para os vacinados: por exemplo, o lecer nocturno, con medidas máis flexibles con este certificado.
En canto ao uso da máscara, a normativa estatal obriga a partir dos seis anos a que se empregue este elemento. Pola súa banda, a Organización Mundial da Saúde (OMS) desaconsella o seu uso en nenos menores desa idade e aposta por que ata os 12 anos só se empregue en situacións epidemiolóxicas de altas incidencias.
A través dun comunicado, a Secretaría Xeral para o Deporte apunta que deberán ser as propias federacións deportivas de Galicia ou os organizadores das probas deportivas os que envíen a proposta de modificación dos seus respectivos protocolos baseados no Fisiocovid-DXTGalego, polo que se establecen as medidas para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola covid−19.
Esta medida chega, explica, "despois dos bos datos que mostra Galicia na xestión da pandemia e a finalización da emerxencia sanitaria", que entrará en vigor o sábado que vén en Galicia.
Ademais, a Secretaría Xeral para o Deporte lembra que desde o acordo do 12 de xuño de 2020, sobre as medidas de prevención, a actividade deportiva federada en Galicia estivo permitida e a incidencia da covid−19 "é menor no deporte federado que na poboación en xeral", como se observou nun estudo realizado en colaboración coas federacións deportivas e a Xunta.