CRTVG

Buscar

A Xunta Electoral di que Marlaska vulnerou o principio de neutralidade nun chío sobre Illa

Publicado o 04/02/2021 20:30

A Xunta Electoral Central ditaminou que o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, vulnerou o principio de neutralidade política recollido na Constitución co chío en que encomiaba o exministro e candidato ás eleccións catalás Salvador Illa, pero non lle sanciona porque rectificou.

Nun acordo adoptado hoxe, o máximo intérprete da normativa electoral atende así unha denuncia de PP contra Marlaska, aínda que arquiva outras dúas por declaracións do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, na Axencia Española do Medicamento, e do propio Illa nunha entrevitsa concedida a TVE, ao non apreciar "vulneración da lexislación electoral vixente" en ambos os casos

Unha campaña a ritmo de rap

A campaña catalá avanza a ritmo de rap, o do videoclip dos comúns, en que a alcadesa de Barcelona, Ada Colau, ou a candidata á Generalitat, Jéssica Albiach, animan a poboación, din, a facer posible o imposible. Da posibilidade de que comúns, socialistas e Esquerra formen un tripartito alertou este xoves desde Lleida o líder do PP. Pablo Casado cre que en Bruxelas non o entenderían: "esa Europa que sempre loitou contra os populismos e os nacionalismos estou seguro de que non verá ben que se forme en Cataluña outro goberno con populistas e con nacionalistas independentistas como recoñeceu Carmen Calvo, é dicir, con Esquerra".

Apoiado pola ministra para a Transición Ecolóxica, o socialista Salvador Illa centrou a mensaxe do día na loita contra o cambio climático: "que Cataluña sexa motor de tecnoloxía verde de España e do sur de Europa. Creo que aquí se dan as condicións".

Colean as palabras da candidata de Junts, Laura Borrás, declarándose vítima das cloacas do estado pola súa imputación por corrupción. Para Carlos Carrizosa, candidato de Ciudadanos, "cando a propia conselleira desde a súa caixa do correo especifica como vai facer para darlle os contratos ilegalmente a un amigo seu, iso politicamente é intolerable".

En Esquerra non gustou a comparación de Borrás cos presos do procés. O seu candidato, Pere Aragonès, di que vincular o 1 de outubro coa corrupción é dicir o mesmo que Vox.

Noticias web

04/02/2021