CRTVG

Buscar

A Xunta Electoral Central amplía ao domingo a recepción de votos dos galegos no exterior

Publicado o 17/07/2020 19:03
A Xunta Electoral Central amplía ao domingo a recepción de votos dos galegos no exterior

A Xunta Electoral Central decidiu este venres ampliar ata o domingo que vén o prazo de recepción dos votos dos cidadáns galegos que residen no exterior debido ás dificultades de transporte provocadas pola pandemia do coronavirus. Así o expresa a JEC no acordo que adoptou este venres, no que sinala que esas dificultades provocaron que nin en Cuba nin en Venezuela puidensen tramitar o voto dos electores residentes "a pesar dos esforzos realizados".

En resposta a unha reclamación da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia, a JEC establece nas 11:00 horas do próximo domingo o tope para a recepción dos sobres cos votos dos galegos residentes no exterior. Os comicios tiveron lugar o pasado domingo. Segundo a JEC, Correos comprometeuse a dar eses sobres ás xuntas electorais provinciais antes do luns seguinte ás 08:00 horas.

Con todo, a JEC rexeita a petición da Xunta para "atrasar a data de realización do escrutinio xeral". Tras indicar que o escrito co que o Goberno galego formula a petición se presentou fóra de prazo, a JEC contesta que a solicitude incumpre a lei electoral galega, exactamente o artigo 37 bis. Nel dise que "as xuntas electorais provinciais realizarán o escrutinio xeral o oitavo día seguinte ao da votación" e concluirán "non máis tarde do undécimo día posterior ás eleccións".

Tamén contravén a lei electoral xeneral, e por iso, conclúe a JEC que "ambos textos legais establecen de forma inequívoca que o voto dos electores" residentes no exterior "debe escrutarse ás 8.00 horas do luns 20 de xullo" sen que haxa opción de aprazamento. O órgano que supervisa os procesos electorais, ademais, móstrase crítico cunha serie de reclamacións da Xunta, precisamente relacionadas coas dificultades que terían os cidadáns galegos residentes no estranxeiro para votar o 12 de xullo.

A Xunta lembra que nun escrito chegou a sinalar que podería "mesmo" impedirse o exercicio do dereito ao sufraxio. Correos, neste sentido, enviou un escrito á propia JEC no que recalcaba "as dificultades existentes nese momento no tránsito internacional" como consecuencia da pandemia. Tanto o parecer da JEC como o de Correos coñeceunos a Vicepresidencia da Xunta de Galicia. Con todo, como recoñece o árbitro electoral, fíxose desde as administracións "un importante esforzo organizativo e loxístico para tentar paliar na medida do posible estes problemas"

Noticias web

17/07/2020