CRTVG

Buscar

Os pubs e discotecas poderán pechar ás tres da madrugada e usar as pistas de baile

Publicado o 25/06/2021 00:03

• Non será necesario presentar unha proba negativa para entrar 

• Poderase facer uso da barra para pedir, pero non para consumir

O lecer nocturno en Galicia poderá abrir a partir do día 1 de xuño ata as 3:00 horas da madrugada e poderase facer uso das pistas de baile sempre que se utilice a máscara e se manteña unha distancia de seguridade mínima de 1,5 metros, tal e como acordaron este xoves representantes do lecer nocturno e a Xunta de Galicia.

Nunha reunión, na que participaron portavoces de diferentes establecementos de lecer nocturno, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García  Comesaña, concretaron as normas que rexerán a reapertura destes locais, que terán, do mesmo xeito que a hostalería diúrna, unha ocupación do 50 % en interior e do 100 % no exterior

Estas medidas afectarán a todos os pubs, salas de concertos e discotecas de Galicia, nas que ademais se poderá utilizar a barra para pedir a consumición, aínda que non para consumir, e tamén as pistas de baile, con uso obrigatorio de máscara e distancia social.

Ademais, os clientes terán que identificarse antes de entrar nos locais e facilitar os seus datos para o rastrexo no caso de producirse contaxios; será obrigatorio o uso do xel hidroalcohólico e os establecementos deberán instalar, do mesmo xeito que a hostalería, medidores de CO2

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, ao termo da reunión, expresou a súa satisfacción polos resultados das probas piloto, tanto polo comportamento dos propios empresarios como polo dos usuarios, e engadiu que, unha vez avaliados os resultados, xa só quedaba "fixar as condicións que permitisen a reapertura do lecer nocturno".

En declaracións aos medios, asegurou que a Xunta volverá reunirse co sector en aproximadamente 15 días tras a reapertura, co obxectivo de realizar unha avaliación e "valorar con datos reais o funcionamento dos locais que abrisen". "Se a situación sanitaria o permitise, poderían entón exporse condicións máis amplas en horario e foros, de acordo co comité clínico", expresou. 

O vicepresidente tamén informou dunha nova convocatoria de catro millóns de euros, que se unen aos xa recibidos polos locais de lecer nocturno, que suman case nove millóns de euros en axudas directas recibidas pola Xunta. 

"Imos aos poucos recuperando a vida normal, recuperando o noso ocio, cunhas condicións sanitarias que aínda temos que seguir observando. A desescalada continúa, da man do sector e con moito  sentidiño", declarou o vicepresidente, que descartou a presentación de probas PCR como medida para acceder a estes establecementos, a pesar de que si que se requiriron nas probas piloto efectuadas hai unhas semanas. 

"A  PCR faría inviable na práctica que estes locais puidesen funcionar. Hai precaucións engadidas, como a identificación antes de entrar, para que a  trazabilidade sexa máis sinxela", explicou. Rueda asegurou que os locais están "obrigados" a ter controladores no acceso, de modo que poderán vixiar as aglomeracións que puidesen darse.

Aínda así, fixo un chamamento ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, especialmente á Policía Local, para "evitar que se produzan aglomeracións unha vez pechen os locais", así como "os botellóns que se poidan producir".

Pola súa banda, o presidente de Galicia de Noite e copropietario do grupo Pelícano, Luís Diz, congratulouse de que Galicia sexa "unha das poucas comunidades nas que se vai a poder usar a pista de baile" e remarcou que nos interiores "a máscara será unha condición indispensable".

"No momento no que entras en calquera local de lecer nocturno, tes que ter a máscara colocada, só se pode retirar no momento puntual da consumición", destacou. "Temos que trasladar á opinión pública e aos clientes que seguimos en pandemia. Están a subir os contaxios, especialmente na Coruña. A variante Delta está xa moi implantada tanto na cidade como na comunidade e iso vai supoñer un aumento dos contaxios", engadiu Diz, que asegurou que o sector "quere dar exemplo" e mostrar "responsabilidade". 

O presidente de Galicia de Noite afirmou que a opinión pública estigmatizounos e criminalizounos e que non queren que os "volvan culpar" dun posible repunte nos contaxios. En canto á pasada noite de San Xoán, asegurou que se trata dunha situación "preocupante", que repercutirá nunha subida dos contaxios, polas escenas de grupos de persoas celebrando sen máscaras nin distancia social.  

"Entendemos que dentro dos nosos locais a xente vai estar moito máis segura que neste tipo de festas que estamos a ver estes días", declarou Diz.

Noticias web

25/06/2021