CRTVG

Buscar

A Xunta e o Goberno instan a Alcoa a "buscar unha solución dialogada" para San Cibrao

Publicado o 28/12/2020 21:37

Goberno central, Xunta e comité de empresa instaron a Alcoa a buscar "unha solución negociada" para a planta de Cervo (Lugo), ao que a dirección respondeu que "sempre" estivo "aberta ao diálogo".

"Tras unha proposta do comité de empresa, o Goberno realizará unha convocatoria de reunión para todas as partes, incluída Alcoa, para buscar unha saída negociada onde se deixou", destacou o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan.

Ao termo da primeira reunión multilateral celebrada despois de que a xustiza anulou o despedimento colectivo que pretendía aplicar a multinacional, Zan subliñou que os representantes dos traballadores tentarán "que esta negociación sexa a que chegue a bo porto", despois da errada nos últimos meses, que permaneceu bloqueada pese ao interese dun investidor privado e a oferta de mediación do Executivo central.

Pola súa banda, o comité espera "que Alcoa recapacite" e busque esa "saída", tras semanas de folga indefinida e "polo ben da Mariña, dos accionistas e dos traballadores".

O vicepresidente da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde, pola súa banda, sinalou que as administracións (tanto o Goberno galego como o central) tiveron "a ocasión" este luns "de trasladar a necesidade de buscar unha solución negociada" a Alcoa.

Agora, despois de algo máis dunha hora de encontro, afirmou que quedan á espera de "a resposta" da compañía e espera "o si a un dialogo que sería un si ao mantemento da actividade e un si á Mariña"."

O secretario xeral de Industria, Raúl Branco, sinalou que na xuntanza non só se instou a empresas a retomar as negociacións, senón que volva "a normaldiade produtiva" á planta de San Cibrao.  

A multinacional do aluminio, pola súa banda, asegurou que "sempre estivo aberta ao diálogo, tanto co Goberno central como coa Xunta de Galicia, así como cos representantes dos traballadores". "Con esa actitude asistimos hoxe a esta reunión á que nos convocou o Goberno", limitouse a apuntar.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou nulo o expediente de regulación de emprego (ERE) que Alcoa pretendía executar para máis de 500 traballadores ao considerar que houbo "mala fe" nas negociacións.

Noticias web

28/12/2020