Fronte común da Xunta e o Concello das Pontes para esixir que continúe a central
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, mantiveron este luns unha reunión na que estableceron unha fronte común para esixir ao Goberno central e a Endesa a "continuidade" da central térmica.
O encontro mantido na sede da Xunta en San Caetano, pouco máis dunha semana despois do anuncio de peche da central térmica no municipio, serviu para facer visible o acordo entre os gobernos autonómico (PP) e local (PSOE) para reclamar a pervivencia da central e dos postos de traballo que xera.
"Esta central pode ser operativa cen por cento porque cumpre as cocientes de emisións de CO2 que esixe a Unión Europea, polo que debe paralizarse a decisión de Endesa que recentemente anunciou que adiantaría o prazo de peche, agora previsto para mediados de 2020", lembrou Núñez Feijóo.
O presidente galego remarcou que, polo tanto, o problema da central térmica non deriva dun incumprimento das normas referentes ás emisións de CO2, senón que obedece a un problema do prezo en emisión da tonelada de CO2 polo que á empresa "non lle sae a conta" manter a central aberta.
Unha problemática que tamén se debe á subida do imposto ao CO2 polo que sería necesario "baixar outros impostos que gravan a central térmica para que sexa viable", coincidiron ambos os mandatarios, que consideran necesaria unha reforma fiscal que garanta a viabilidade da central mentres se camiña cara a unha transición enerxética "xusta".