CRTVG

Buscar

A Xunta e a USC colaboran na repoboación de mexillón nos ríos

Publicado o 20/07/2021 13:18

Galicia lidera a investigación para a recuperación do mexillón de auga doce, unha das especies máis ameazadas de Europa. A Consellería de Medio Ambiente e a Universidade de Santiago colaboran neste proxecto, único en España, que xa espertou o interese doutras comunidades interesadas en poñer en marcha proxectos similares.

A conselleira Ángeles Vázquez visitou este martes o Centro Ictioxénico do Veral, en Lugo, onde se está a desenvolver este proxecto, e lembrou que este bivalvo “é unha das especies máis ameazadas do planeta” e Galicia, que "concentra a maior poboación do sur de Europa, é un dos seus últimos refuxios”.

O convenio asinado pola Xunta de Galicia para investigar a importancia desta especie supón un investimento de 85.000 euros e estará en vigor ata o 2023.

Vázquez cualificou este bivalvo de auga doce “como a xoia descoñecida dos ríos galegos”, dado que exerce como “biofiltrador” e extrae da auga “algas, bacterias e materia orgánica”.

Aínda que inicialmente se realizaron accións para mellorar o hábitat desta especie na bacía do Ulla, “agora xa se pon a mirada no resto dos ríos galegos”.

Noticias web

20/07/2021