CRTVG

Buscar

A Fegamp rexeita a lei de reactivación da Xunta porque "xera inseguridade xurídica"

Publicado o 20/01/2021 20:52

A Federación Galega de Municipios e Provincias evidenciou este mércores o seu rexeitamento a Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia ao entender que pon algunhas decisións urbanísticas en "mans privadas" coa consecuente "inseguridade xurídica" para os concellos.

O presidente do ente supramunicipal, Alberto Varela, despois de manter un encontro co vicepresidente económico, Francisco Conde, emitiu un comunicado trasladando "reticencias respecto a diversos aspectos relacionados co borrador da proposición de lei" que actualmente se atopa en tramitación parlamentaria.

Para o representante dos alcaldes galegos, "un punto inadmisible" da norma é o "que modifica a tramitación para poñer en marcha iniciativas empresariais con actuacións de tipo urbanístico". Ao seu xuízo, o actual borrador permite que as iniciativas empresariais poidan desenvolverse cunha simple certificación de conformidade emitida por unha entidade de certificación e non cos preceptivos informes dos técnicos municipais "que pasarían a ser facultativos".

Ademais, criticou que as empresas certificadoras poidan ser parte interesada no devandito sector de negocio ante o que os concellos consideran que "ese procedemento xerará maior número de expedientes de reposición da legalidade urbanística e unha maior inseguridade xurídica en prexuízo dos propios emprendedores empresariais".

Por iso, o presidente da Fegamp, trasladou ao vicepresidente segundo a postura dos municipios que, a pesar de que son conscientes da necesidade de buscar fórmulas para facilitar a actividade empresarial, rexeitan "a proposta actual porque obvia a realidade municipal e pode derivar en conflitos e nunha maior inseguridade xurídica".

Finalmente, Varela tamén criticou que esta norma tramítese na Cámara como unha proposición de Lei do PPdeG e non a pedimento do Goberno galego en tanto que este proceder "elimina o trámite información pública e por tanto limita en gran medida a posibilidade de facer achegas".

Noticias web

20/01/2021