A Xunta destina 6 millóns de euros en axudas para que os hostaleiros se adapten ao nivel máis alto de ocupación
• O mércores entra en vigor o novo protocolo para a hostalería, que vencella o nivel de ocupación á seguridade dos locais e non á incidencia dos concellos
Despois de meses de traballo, a Xunta e os hostaleiros oficializan o acordo co que pretenden darlle ao sector a estabilidade que non tivo durante boa parte da pandemia. Os establecementos xa non terán que pechar aínda que a situación empeore. E os hostaleiros decidirán a ocupación dos seus locais en función das medidas de seguridade que estean dispostos a implantar.
Cheché Real, presidente da Asociación de Hostaleiros de Lugo: "Imos depender de nós. Xa non dependeremos dos contaxios que haxa, senón das barreiras de protección que poñamos en cada unha das nosas empresas".
A hostalería empezará a traballar con dous niveis o próximo mércores. Galicia é a primeira comunidade que implanta este sistema.
Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade: "Estamos confiados en que con estas medidas, tanto no nivel 1 como no nivel 2, poidamos ofrecer as maiores garantías aos usuarios e que poidamos ir saíndo desta situación".
Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia: "Nós sempre dixemos que non eramos parte do problema senón parte da solución, e demotrámolo. Nos nosos locais cúmprense todos os protocolos hixiénico-sanitarios que consensuamos coa Xunta".
A Xunta abrirá unha liña de axudas con seis millóns de euros para que os hostaleiros poidan adecuar os seus establecementos ao nivel de máis seguridade.
Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro da Xunta: "Seis millóns irán directamente aos locais de hostalería para que acaben de facer as adaptacións que sexan necesarias para cumprir o que todos desexamos: a seguridade máxima".
Tras o protocolo da hostalería, a Xunta traballa agora co sector do ocio nocturno, para poder mellorar tamén as súas condicións.