A Xunta destina 24 millóns ao sector forestal galego
Trece millóns e medio de euros para traballos de rexeneración e mellora dos montes e outros dez e medio para adquisición de maquinaria forestal. E a aposta de Medio Rural para aproveitar os recursos sustentables e de alto valor engadido que ofrecen os espazos forestais galegos. A maquinaria servirá para optimizar o traballo e paliar a falta de man de obra endémica no sector.
Nuria Rodríguez. Asociación de Empresarios da Madeira de Lugo:"Maquinaria forestal, autocargadores, pezas de aserradoiro, máquinas de canteado e secado...É un importante pulo para o sector forestal."
En canto a mellora de espazos forestais, vaise actuar en 7.400 hectáreas de terreo con traballos de rareo, poda ou tratamentos silvícolas tanto para especies coníferas como o piñeiro como para as frondosas autóctonas como o castiñeiro ou a sobreira. Particulares, comunidades de montes, cooperativas ou entes locais serán os beneficiarios dunha liña de axudas que permitirá un mellor aproveitamento dos recursos.
"Imos poñer a producir o monte. Son intervencións de poda, plantación e outros traballos en coníferas e frondosas. Tentaremos poñer a producir as hectáreas que están en desuso."
Galicia é a novena potencia forestal europea, cun total de 3.000 empresas que facturan anualmente arredor de 2.200 millóns de euros e abranguen o 25% do emprego industrial galego.