A Xunta destina 15 millóns a recuperar demoras en consultas, probas e cirurxías
A Consellería de Sanidade prevé destinar 15 millóns de euros a recuperar a actividade asistencial e eliminar o aumento de demoras en probas diagnósticas, consultas e cirurxías provocado pola pandemia.
Segundo indicou o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo tras a reunión semanal do Goberno galego, a previsión do plan, que se presentará nos próximos días, é realizar 115.000 probas diagnósticas, 92.000 consultas externas e 19.000 intervencións cirúrxicas en horario extraordinario.
Ademais, para axilizar a atención, a Xunta prevé adoptar o sistema de "hospital único", de modo que un paciente poderá ser atendido por calquera profesional, aínda que non corresponda á súa área sanitaria.
Do que se trata, explica Feijóo, é de poñer todos os hospitais de Galicia a disposición do doente, sen ter en conta onde viva.