CRTVG

Buscar

A Xunta deseña o novo escenario de loita contra a covid sen estado de alarma

Publicado o 06/05/2021 11:16
A Xunta deseña o novo escenario de loita contra a covid sen estado de alarma

O comité clínico que asesora a Xunta de Galicia reúnese na mañá deste xoves de forma extraordinaria, unha xuntanza coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Sobre a mesa as decisións que o goberno galego vai tomar para deseñar a xestión da pandemia a partir do domingo, unha vez decaia o estado de alarma.

A situación epidemiolóxica é, nestes momentos, estable en Galicia e todo apunta a que se decidirán medidas de alivio, como o levantamento do toque de recollida e incluso o levantamento do peche perimetral. Outra das propostas podería supoñer a creación dun quinto nivel de restricións, baixo, para aqueles concellos en que a incidencia a 14 días por cen mil habitantes sexa inferior a 50 e de 25 a sete días. Neses municipios a hostalería podería ampliar o horario ata a media noite e tamén aumentaría a posibilidade de ocupación dos locais.

As principais incógnitas xorden do novo escenario sen estado de alarma e de como manter medidas de restricións de dereitos fundamentais.

Deste xeito, e ante a "falta de lexislación específica", que Núñez Feijóo volveu afearlle ao Goberno central, o presidente da Xunta dixo que os letrados da Administración autonómica estudan "que se pode facer sen estado de alarma e sen lexislación específica naqueles concellos de risco extremo" para "evitar" que "gromos localizados" se poidan converter "nun problema provincial ou autonómico".