CRTVG

Buscar

A Xunta descarta inxectar en Barreras axudas a fondo perdido como pedía Ritz

Publicado o 17/12/2019 18:27
A Xunta descarta inxectar en Barreras axudas a fondo perdido como pedía Ritz

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, descartou que a Xunta vaia inxectar en Barreras axudas a fondo perdido e insistiu en buscar unha solución que permita dar resposta a toda a carga de traballo do estaleiro vigués, non só ao mini cruceiro de Ritz Carlton. Antes de participar no Foro Anual de Diálogo Social Transfronteirizo, en Ourense, Conde remarcou que os accionistas de Barreiras "deben dar unha resposta e, sobre todo, o armador debe expoñer algo que sexa viable desde o punto de vista de estrutura financeira e a colaboración que pode trasladar a Xunta". 

Volveu a subliñar que a Xunta avoga por unha "resposta integral", isto é, que dea resposta a toda a carga de traballo que ten o estaleiro e identificar "cales son esas necesidades financeiras". "A partir de aí", proseguiu, "identificaremos que é posible e que non é posible". E o que non é posible, sinalou Conde, é "establecer axudas a fondo perdido. Polo tanto, nese contexto a Xunta non poderá acompañar as necesidades do estaleiro". 

En cambio, si se poderían artellar axudas "desde o punto de vista de financiamento" e identificar "cales son as necesidades", e remitiu aos resultados dunha auditoría externa. O conselleiro reiterou que "estar na solución" de Barreras "significa un compromiso por parte do estaleiro de desenvolver toda a carga que ten" e tamén coas súas "necesidades desde o punto de vista de financiamento". Recalcou que a Xunta estivo "desde o primeiro momento" achegando a súa colaboración ao sector, como cando aprobou unha liña de préstamos orientados á industria auxiliar.