A Xunta demanda ao Goberno central interlocución sobre o AVE a Madrid

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez, demandou este luns en Vigo ao Goberno de Pedro Sánchez interlocución e información respecto ás obras da alta velocidade a Galicia.
"O ano pasado sabiamos que se terminaban a finais do ano 2019 e, como vemos continuamente, sempre, de forma permanente durante meses e meses, están a piques de terminar", dixo Vázquez, que subliñou e lamentou que Galicia non terá AVE no Xacobeo 2021.
"O certo é que estamos a ver que a alta velocidade a Galicia, que é un obxectivo de país, ten que ser de dobre vía, e a día de hoxe está unha soa vía, falta a eletrificación, falta a segunda vía e, por tanto, falta aínda moita obra da alta velocidade a Galicia", engadiu Vázquez tras reunirse coa Confederación de Empresarios de Pontevedra, onde presentou un estudo sobre a saída ferroviaria sur de Vigo.
"Estamos a ver que en 2021, pola información que ten a Xunta, Galicia non terá alta velocidade, e por iso demandamos esa interlocución e información ao Goberno de España que hoxe non temos", insistiu. A conselleira subliñou que os cidadáns galegos merecen unha explicación por parte do Adif e expresou a súa esperanza de que se poida viaxar en AVE en 2022.