CRTVG

Buscar

A Xunta de Galicia aproba os orzamentos galegos, que inclúen a rebaixa de impostos

Publicado o 18/10/2021 14:59

• Feijóo asegura que baixará a tarifa autonómica do IRPF para un 90 % dos contribuíntes: "Son os presupostos da recuperación de Galicia"

• As contas ascenden a 11.627 millóns de euros, o 70 % son para sanidade, educación e política social

 

A Xunta celebrou hoxe un Consello extraordinario para aprobar os presupostos de Galicia do ano que vén. Foi cunha reunión de Goberno no pazo de Raxoi tras a toma de posesión do novo conselleiro de Facenda e Administración Pública. Miguel Corgos, director xeral de Orzamentos dende o 2009, substitúe no cargo o falecido Valeriano Martínez.

Máis investimento, menos débeda e menos impostos. Este é o modelo dos presupostos do 2022, que é o que a Xunta vén aplicando nos útimos anos, defende Feijóo. Ascenden a 11.627 millóns de euros, os máis altos da historia. Deles, máis do 70 % son para sanidade, educación, política social e emprego; para investimentos irán 2.500 millóns, coma este ano, e o único capítulo que baixa é de xuros de débeda pública.

"Son os presupostos da recuperación de Galicia, das familias galegas, que buscan dar mellores servizos públicos e esixir un menor esforzo fiscal", asegurou o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo. 

E nesa liña, Feijóo anuncia que baixará a tarifa autonómica do IRPF para o 90 % dos contribuíntes; que se manterán os tipos reducidos para compra de vivendas no rural e baixa do 10 ao 9 % para o resto o imposto de transmisións patrimoniais, e que se rebaixa un 25 % a cota do de Patrimonio.

"Estamos convencidos de que unha baixada prudente de impostos permite chegar a final de mes e pagar o incremento de impostos estatais: o prezo da luz, o prezo dos combustibles, IPC...", dixo Feijóo. 

As contas prevén un crecemento do PIB este ano e o que vén do 6 % e que a taxa de paro baixe ao 11,7 %. Neses presupostos estaba traballando Valeriano Martínez cando faleceu. Uns presupostos que fixo man a man con quen hoxe o substitúe no cargo, Miguel Corgos. 

A previsión económica para 2022, que incorporan os presupostos, chega co aval da AIReF, a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal. Ese organismo considera "prudente" a estimación de crecemento do PIB dun 6 % para o ano que vén, tal e como recollen as contas públicas: pero non este ano. Con todo, tampouco o descartan debido á incerteza e aos posibles cambios no contexto actual.

Noticias web

18/10/2021