CRTVG

Buscar

A Xunta dá por controlado o gromo na residencia de Carballo e estuda se é da variante británica

Publicado o 05/02/2021 22:21

Estase analizando a orixe do gromo, e todo apunta a que procede dunha cepa moi agresiva do virus, probablemente a británica. Na residencia houbo 133 contaxios entre usuarios e traballadores, e faleceron nun período de tempo moi curto 22 anciáns. A alta carga viral das persoas infectadas, a elevada mortalidade e a rápida difusión do virus levou a abrir a investigación, que terá que determinar de que variante se trata.

O primeiro contaxio na residencia de Carballo detectouse a mediados de xaneiro, e en poucos días faleceu a primeira usuaria. O que parecía un caso illado converteuse enseguida nun gromo con 133 infectados, entre residentes e traballadores.
A propagación do virus foi extremadamente rápida e a carga viral dos infectados moito máis alta do normal. Nunha semana faleceron 22 anciáns.

As sospeitas de que os casos puideran derivar da cepa británica levaron a analizar a variante do virus.Antón Acevedo, director xeral de Atención Sociosanitaria: "Está en investigación, porque é posible que algunhas destas novas cepas que están circulando poida ser a causante deste brote. A forna de trasmisión das cepas é igual, pero son máis contaxiosas e nalgúns casos moi virulentas"

A Xunta dá por controlada a situación na residencia, aínda que segue habendo preto dun cento de casos activos. "O gromo está en remisión, xa están empezando a recibir a alta algúns pacientes, e dentro da prudencia que sempre hai que ter creemos que a situación está baixo control", di Avecedo. 

Os usuarios da DomusVi de Carballo xa recibiran a primeira dose da vacina, pero houbo que suspender a segunda ata que pase a infección no centro.

Nas residencias de maiores de Galicia hai agora mesmo 558 casos activos de covid, entre usuarios e traballadores. E nos centros de discapacidade outros 139 contaxiados.

Noticias web

05/02/2021