CRTVG

Buscar

A Xunta cre que será dificil aplicar cinco bacharelatos en Galicia por causa da dispersión demográfica

Publicado o 28/09/2021 16:46

Á educación secundaria obrigatoria, con esta modificación, o ministerio dálle unha maior posibilidade opcional. Suprime os itinerarios da lei Wert, instituirá sete materias obrigatorias por curso, elimina a Filosofía e a Relixión será obrigatoria para os centros e optativa para os alumnos.

No proxecto do ministerio, os maiores cambios afectan o bacharelato. Das tres modalidades actuais pasarase a cinco. A de Artes divídese en dúas, rama de Música e rama de Artes Plásticas. E aparece o bacharelato xeral, unha opción para os alumnos que aos 16 anos aínda non teñan decidido o que van estudar no futuro. En primeiro de bacharelato si será obrigatoria a materia de Filosofía. Tanto en primeiro como en segundo haberá catro materias comúns.

O conselleiro Román Rodríguez lamentou coñecer "practicamente pola prensa" esta información, que ao seu xuízo "denota certa preocupación ou desconfianza" cara ás comunidades autónomas, que son as encargadas de "deseñar o 50 % dos currículos". En particular, advertiu de que os postulados anunciados implicarían perder "opcións educativas" en secundaria e outras cuestións que, no caso de bacharelato, xeran dúbidas de cara á súa implantación en territorios como Galicia. "Non sabemos como se poderán poñer en funcionamento en territorios como Galicia, con altísima dispersión demográfica", recoñeceu.  

"A verdade é que parece unha historia interminable. Cada goberno que chega quere cambiar ou modificar os marcos educativos", criticou, o cal ao seu xuízo xera "certa incerteza" entre as familias, os docentes e a comunidade escolar. Por iso chamou, de novo, a traballar para lograr "un pacto educativo" que ofreza "certezas, estabilidade", que representa "a gran materia pendente" do Estado. "Se queren facer algo de verdade, algo sólido, algo serio... temos que sentarnos, con tranquilidade", apelou Rodríguez, para debater desde as "diferenzas políticas", pero mantendo diálogo e unha capacidade de traballo que permita evitar "reforma sobre reforma" con cada cambio de goberno.

Noticias web

28/09/2021