CRTVG

Buscar

A Xunta cre que o Ministerio debería unificar os criterios do curso escolar

Publicado o 17/04/2020 20:03

O presidente da Xunta tamén se referiu ao curso escolar. Di que Galicia acatará o que decida o Goberno central para non aumentar as diferenzas entre alumnos segundo a comunidade en que estuden. Pero cre que debería ser o ministerio o que unificara os criterios. 

Feijóo quere que o Ministerio aclare "con cantas materias" suspensas se pode pasar de curso. Galicia é partidaria de que, "se é posible", se retome polo menos nas "últimas semanas" o curso presencial nas aulas. "Parécenos que sería bo para que se reencontren os alumnos, para que se reencontren os profesores e para despedirse cando empezo o período estival".

Con todo, explicou que esta volta está condicionada a que así o permita "a situación epidemiolóxica" de forma que haxa "seguridade" para retomar as clases, así como á decisión "irrevogable e indelegable" que adopte o Goberno central. O presidente da Xunta explicou que Galicia está á espera de coñecer a orde que publique o Ministerio de Educación sobre o curso escolar para ver se se pode pór "un pouco de luz" no que considera "unha marea de confusión". 

O Goberno agarda o acordo con todas as comunidades

A ministra de Educación, Isabel Celaá, defendeu a "flexibilizar" os criterios de avaliación deste curso escolar para "protexer os alumnos máis vulnerables". A ministra dirixiu unha mensaxe ás comunidades autónomas que se resisten a adherirse á proposta do Ministerio de Educación para facilitar a promoción de curso dos estudantes e dedicar o terceiro trimestre escolar ao reforzo e repaso de contidos. "Debemos estar á altura e responder as necesidades da comunidade educativa", dixo este venres Celaá, asegurando que o Goberno "vai seguir traballando para conseguir o maior acordo posible" coas comunidades autónomas. 

Noticias web

17/04/2020