A Xunta convocará un concurso de traslados con 1.500 postos para persoal funcionario

A Xunta anunciou ás organizacións sindicais na reunión da comisión de persoal que nos próximos meses convocará un concurso de traslados para persoal funcionario con 1.500 postos, o que supón un incremento do 16% respecto ao anterior.
A Consellería de Facenda destaca nunha nota de prensa que o número de prazas que prevé ofertar neste novo proceso será superior á de anteriores concursos de traslados. En concreto, no convocado no 2015, a Xunta ofertou 1.288 postos, o que supuxo tamén un incremento do 19% sobre o número de postos da anterior convocatoria de 2013, en que foran convocadas 1.085.
A través deste proceso, a Administración cobre os postos de traballo vacantes, e o persoal funcionario pode cambiar voluntariamente do seu posto de traballo a outro que se adapte mellor ás súas preferencias.