CRTVG

Buscar

A Xunta constata a estabilización dos parámetros da auga do río Tambre

Publicado o 13/09/2021 21:32

A conselleira de Infraestruturas e a directora de Augas de Galicia mantiveron unha reunión cos alcaldes de Santiago, Ames e Brión. A Xunta trasladoulles que os parámetros das augas do río Tambre están estabilizados e que continúan coas medidas preventivas na orixe da vertedura para evitar arrastres. Pero o Concello de Santiago dá por seguro que haberá que paralizar a planta do Tambre esta noite porque a chuvia pode provocar que se capte auga con restos da vertedura. "Damos por seguro que pola noite hoxe haberá que interromper a captación de auga porque hai zonas do río nas beiras onde quedou bastante xurro, e polo tanto ao chover subirá o nivel do río", di Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago.

Con todo, a subministración de auga potable para a poboación está polo de agora garantida, porque os depósitos están ao cen por cento.

"Non prevemos a priori cortes de auga, pero hai que estar preparados por se fose necesario. Os depósitos están ao 100 %, cousa que non pasou o sábado", asegura Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago.

Os depósitos cheos aseguran o abastecemento para 24 ou 48 horas, depende do comportamento da poboación, por iso o Concello fai un chamamento ao consumo responsable e apunta que a auga que sae da billa é potable.

Non desbotan "medidas legais" se se constata que a vertedura de xurro ao río Tambre foi por unha neglixencia.

Noticias web

13/09/2021