CRTVG

Buscar

A Xunta inclúe Madrid e Cataluña no rexistro obrigatorio de viaxeiros

Publicado o 22/12/2020 20:33
A Xunta inclúe Madrid e Cataluña no rexistro obrigatorio de viaxeiros

A Xunta de Galicia actualizou este martes a súa listaxe de países e rexións de rexistro obrigatorio para os viaxeiros que visiten a comunidade galega, unha ferramenta en que terán que anotarse persoas que cheguen desde seis comunidades españolas, entre elas Madrid e Cataluña. 

Esta actualización supón unha modificación ao completo en relación á listaxe publicada hai unha semana. Ata agora, eran de inscrición obrigatoria Aragón, Asturias, Cantabria, Castela e León, Melilla, País Vasco e A Rioxa. Con todo, a partir deste martes o serán Castela-A Mancha, Illas Baleares, Cataluña, Comunidade Valenciana, Estremadura e Madrid

Os viaxeiros que cheguen a Galicia desde estes lugares, ou que estivesen neles nos últimos 14 días, deberán cubrir o formulario habilitazo na web do Servizo Galego de Saúde (Sergas) ou ben comunicalo ao teléfono 881 00 20 21 no prazo de 24 horas.

Tamén deben comunicar esta circunstancia as persoas que visitasen calquera país de África e de varios estados asiáticos, entre eles A India, As Filipinas, Camboxa, Indonesia, Laos, O Nepal, Mongolia, Xordania, Tailandia ou Vietnam. Do mesmo xeito, tamén é de comunicación obrigatoria a estancia en países de América como Estados Unidos, Costa Rica, Ecuador, O Salvador, Panamá, Venezuela ou República Dominicana; e en Oceanía, tan só en Guam e a Polinesia Francesa. 

No caso de Europa, están incluídos na listaxe Acerbaixán, Albania, Alemaña, Andorra, Armenia, Austria, Bélxica, Bosnia-Herzegovina, Bulgaria, Chipre, Croacia, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Holanda, Hungría, Italia, Xersei, Kósovo, Letonia, Liechtenstein, Lituania, Luxemburgo, Macedonia do Norte, Malta, Moldavia, Montenegro, Polonia, Portugal, República Checa, Reino Unido, Romanía, Rusia, San Mariño, Serbia, Suíza, Suecia, Ucraína, Xeorxia e Xibraltar. Non hai cambios con respecto á actualización anterior.