A Xunta afirma que non haberá grandes avances na desescalada esta semana
As autoridades sanitarias non aprecian polo de agora un efecto claro da Semana Santa en Galicia, aínda que advirten que se pode manifestar nos próximos días. Polo momento, a taxa de positividade segue baixo control: é inferior ao 2 por cento. E as repuntas de casos, que si que se están dando, son leves.
Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro da Xunta: "Estamos esperando a coñecer realmente o efecto da Semana Santa, que se saberá nos próximos días; os datos en Galicia son moito mellores que os da media estatal, e polo tanto imos seguir así, pouco a pouco".
O comité clínico que asesora a Xunta analizará este martes os datos, para explorar unha posible desescalada. A Xunta xa advirte que non haberá grandes avances. "Con moita prudencia, de nada serve dar un paso moi grande agora, aumentar horarios ou falar de levantamento de perímetros ata que non haxa moitísima máis seguridade. Polo tanto, serán avances prudentes".
Agora mesmo hai tres concellos en nivel máximo de restricións: A Pobra, Carballeda de Valdeorras e O Grove, que ten as peores cifras de toda a pandemia. Fran Candal, xefe da Policía Local do Grove: "Onte estabamos en 74 casos, a cifra máis alta desde hai un ano, e estamos nunha gráfica de subida".
As áreas sanitarias da Coruña e de Vigo son as que acumulan o maior número de positivos. Empeoran os datos as de Pontevedra, Ourense e Ferrol. E mantense estable a de Lugo, a que mellor evolución presenta. As autoridades sanitarias insisten na importancia dos cribados para cortar as cadeas de transmisión do virus.