A Xunta aspira a ser a primeira Administración "100% sostible"
A Lei galega de residuos obrigará os restaurantes a entregar a comida sobrante en recipientes que non sexan dun só uso.
Pero o texto ten máis novidades para loitar contra o cambio climático. No 2024, os concellos deberán ter recollida de residuos téxtiles e perigosos de orixe doméstica. Construiranse tres novas plantas públicas para biorresiduos domésticos. Outro dos retos que marca a Xunta é incrementar a reciclaxe de envases ata 65% en cinco anos.
Para conseguir unha Galicia máis verde, di Feijóo, a Administración autonómica ten que dar exemplo e de aí a aposta por enerxías limpas e materiais reciclados nos edificios oficiais ou o uso de pneumáticos recauchutados no seu parque móbil.
"Temos o reto de converternos na primeira administración 100% sostible", afirma Alberto Núñez Feijóo.
O Consello aprobou tamén a estratexia de economía circular, que ten entre os seus obxectivos reducir os consumos e o desperdicio de materias primas ou auga.