CRTVG

Buscar

A Xunta asegura que hai unha proposta para que o ocio nocturno "volva á normalidade"

Publicado o 27/08/2021 18:19
A Xunta asegura que hai unha proposta para que o ocio nocturno "volva á normalidade"
EUROPA PRESS

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, asegurou que hai "encima da mesa" unha proposta dun protocolo específico para o sector do lecer nocturno, na que traballa agora a Xunta e que se tratará no Comité Clínico da semana que vén.   

Nunha visita ao momento de atención administrativa covid-19 de Pontevedra, Rueda sinalou que "se todo segue mellorando", en referencia á situación epidemiolóxica, tentarán que o lecer nocturno "volva traballar con normalidade", razón pola que estudan agora unha proposta "do propio sector".   

Neste sentido, o vicepresidente primeiro remarcou tamén que os locais "empezarán a recibir a principios da próxima semana" as máis de 400 axudas directas dentro do plan específico que activou o Goberno autonómico con catro millóns de euros.   

"O obxectivo é axudalos a levar mellor esta difícil situación económica", aseverou o conselleiro, que lembrou que o sector recibiu o ano pasado unha primeira partida de axudas para o pago do alugueiro dos locais e que, ademais, puideron acollerse ás axudas destinadas á hostalería.   

As últimas modificacións nas restricións tomadas polo Comité Clínico que asesora á Xunta para o sector do lecer nocturno limitaron, en nivel máximo e alto, a capacidade en exteriores ao 75%, con interiores pechados; mentres que en nivel medio, os locais poden ocupar o 50% da súa capacidade en interiores e o 75% en terrazas, e en nivel medio-baixo, o 50% en interiores e o 100% en terrazas.   

Noticias web

27/08/2021