CRTVG

Buscar

A Xunta aprobará este xoves o teito de gasto dos próximos orzamentos

Publicado o 01/10/2019 13:14

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, anunciou este martes que, na súa reunión do próximo xoves, o Consello da Xunta aprobará o teito de gasto autonómico para redactar os orzamentos para o próximo exercicio.

En declaracións aos medios previas á súa participación nun acto en Santiago de Compostela, Martínez afirmou que realizan este trámite nun contexto de "inestabilidade política", económica e financeira do que queren saír trasladando "estabilidade" desde Galicia a partir das súas propias contas.

"O Consello da Xunta deste xoves tratará o primeiro ítem importante dentro do que son a elaboración dos orzamentos, que non é outro que o teito de gasto", manifestou o conselleiro, que agregou que a intención é poder dar luz verde dúas semanas despois ao proxecto orzamentario para 2020.

O responsable autonómico de Facenda aproveitou tamén a súa intervención ante os medios para cargar contra o Goberno central e denunciar a "situación de práctica emerxencia financeira" en que está a entrar Galicia debido á "falta de pagamento" do Executivo "ás comunidades autónomas e, en menor medida, ás corporacións locais".

Estes importes "están a trasladarse vía débeda ao que son as fianzas das autonomías", advertiu Martínez, coa consecuente subida do debido e unha repercusión na "tardanza do pagamento aos provedores" que fai que esta situación afecte tamén as empresas que traballan coa Administración.

Mentres tanto, desde a súa comparecencia tras a reunión da xunta de voceiros do Parlamento de Galicia, o portavoz do grupo do PPdeG, Pedro Puy, confirmou que o teito de gasto será debatido e votado polo pleno do Lexislativo galego o vindeiro martes.

"Faise nunha situación complicada", razoou Puy, que insistido na importancia de aprobar este trámite para contar con "estabilidade" financeira e proceder coa elaboración dos orzamentos "de acordo coa normativa autonómica".