A Xunta ofertará este ano 4.300 prazas de emprego público
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que a oferta de emprego público para este ano contemplará 4.300 prazas entre persoal estatuario sanitario, da Administración xeral e o ámbito educativo.
Na conferencia de prensa tras o Consello da Xunta, explicou que unhas 1.200 corresponden a persoal estatutario, outras 1.500 para persoal administrativo xeral e 1.600 que se proporán aos sindicatos na Mesa Sectorial de Educación.
Segundo lembrou, no ámbito educativo están pendentes as 3.654 prazas correspondentes ao ano pasado, que xa teñen fixada data de convocatoria entre o 19 e o 23 de xullo, co que o total será dunhas 5.200 prazas.
Das 1.203 prazas que haberá para o Sergas, 60 serán para médicos de familia e 604 para enfermería para antender ás novas necesidades sanitarias. "Dende 2012 levamos ofertadas 8.112 prazas no Servizo Galego de Saúde, todas as que legalmente nos deixan", explicou o presidente da Xunta.
A taxa de reposición tamén se esgota na oferta para administración xeral, que é a maior, con 1.491 prazas: 1.006 de acceso libre, 322 de promoción interna e 163 para a funcionarización do persoal fixo.
"Imos abrir a administración a novos folgos, a persoal máis novo, e imos intentar rexuvenecer a administración autonómica galega", afirmou Alberto Núñez Feijóo.
Ademais, a Xunta destinará 44,3 millóns de euros para a inserción laboral de 16.000 persoas, a través de 1.100 cursos, un orzamento un 23 % superior ao do ano pasado.