CRTVG

Buscar

A Xunta aproba unha nova compra de material sanitario de máis de 10,5 millóns de euros

Publicado o 08/04/2020 14:53

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que do total da compra que aprobou hoxe a Xunta, máis de oito millóns serán para material de protección, o que inclúe máscaras, batas, luvas, pero tamén tests rápidos.

O resto destinarase a mobiliario e equipamentos sanitarios: mercarán 130 camas de hospitalización, máis de 300 biombos para mostradores, ventiladores non invasivos, monitores, aspiradores de mucosidades ou equipos de raios e ecógrafos portátiles, entre outros materiais.

A Xunta tamén aprobou tres millóns de euros para impulsar proxectos innovadores vencellados á COVID-19 ou á fabricación inmediata de medios de protección.

Ademais tamén informou que Galicia reactivará 500 obras públicas a partir do próximo luns 13, valoradas en 300 millóns de euros e que afectan a 5.300 postos de traballo.

Nunha conferencia de prensa telemática ao termo da reunión semanal do Executivo autonómico, novamente semipresencial, Núñez Feijóo animou este mércores a "non baixar a garda" na loita contra o coronavirus a pesar de estar a entrar nun "contexto de relativa esperanza" debido á "tendencia á baixa" de pacientes hospitalizados e en UCI. 

Ademais da reactivación de obras públicas, Núñez Feijóo anunciou un aforro de cen millóns de euros en gasto corrente que serán postos ao dispor das medidas sociosanitarias contra o virus. 

Segundo informou, a Xunta permitirá a partir de agora que "un familiar" poida despedirse dos pacientes a piques de falecer tanto en planta hospitalaria como en UCI, xa que ata este momento non podían facelo. 

 

Noticias web

08/04/2020