A Xunta aproba un plan de formación para a automoción con máis de 9.000 prazas
• Propón facer gardería e centro de día na estación de autobuses de Vigo
O Consello da Xunta acaba de aprobar un novo plan de formación para o sector da automoción, dotado con once millóns de euros. Alberto Núñez Feijóo explicou que van ofertar máis de 9.000 prazas para mellorar a cualificación, tanto de persoas ocupadas como desempregadas.
A finalidade deste plan de formación, di o Goberno galego, é ter un capital humano máis cualificado; de aí que os 1.120 cursos que se van organizar nos vindeiros tres anos terán en conta as necesidades das empresas e centraranse na formación en novas tecnoloxías co obxectivo de preparalos para a industria 4.0, a industria do futuro. A maioría das prazas son para desempregados pero tamén haberá clases para persoas que xa teñen traballo no sector.
Feijóo destacou que a Xunta dedicou máis de 180 millóns á automoción na última década.
A Xunta propón facer gardería e centro de día na estación de autobuses de Vigo
Na súa reunión semanal, o Goberno galego tamén acordou o uso que terá o edificio da actual estación de autobuses de Vigo cando se estree a intermodal. A Xunta propón facer nesta estrutura emblemática da cidade un centro interxeracional. Acollerá unha gardería de 82 prazas, un centro de día para 80 maiores e un espazo sociocultural. O proxecto inclúe tamén un xardín interior e un aparcadoiro para 230 coches. O edificio será totalmente sustentable e á súa construción destinaranse case 5 millóns de euros.