CRTVG

Buscar

A Xunta decreta reducións nas ocupacións mentres o TSXG non se pronuncie sobre o certificado covid

Publicado o 13/08/2021 22:25

• As medidas entrarían en vigor o martes se o Tribunal non avala a esixencia do certificado covid ou se aínda non existira unha resolución

A Xunta solicita o aval do TSXG para poder esixir o certificado covid

A Xunta decreta reducións nas ocupacións mentres o TSXG non se pronuncie sobre o certificado covid

A Xunta está á espera da resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no correspondente aos certificados covid para acceder ao interior dos locais de hostalería naqueles concellos que se atopan no nivel alto e máximo de restricións.

Mentres a decisión non se coñeza, o Executivo galego adoptou unha serie de medidas que entrarían en vigor no caso de non aprobarse a obrigatoriedade da esixencia deste certificado.

Polo tanto, o sector hostaleiro pasaría de abrir no nivel máximo cunha ocupación do 50 % nas terrazas e o 30 % no interior a abrir exclusivamente as terrazas cunha capacidade máxima do 50 %. No caso dos municipios en nivel alto, a ocupación máxima sería dun 50 % na terraza e un 30 % no interior. Ata o de agora, era dun 50 % tanto no interior como na terraza.

Establecen que o sector do ocio nocturno abra, no nivel medio, cunha ocupación máxima do 50 % nas terrazas e un 30 % no interior e, no nivel baixo, cunha capacidade do 100 % nas terrazas e un 30 % no interior. Coa obrigatoriedade de ensinar o certificado, as ocupacións eran do 50 % no interior.

Outro dos sectores que sufriría cambios é o dos establecementos de xogos de diñeiro e azar, salóns de xogo, bingos, salóns recreativos, rifas e tómbolas, locais de apostas e outros establecementos recreativos. Pechan nos concellos en nivel máximo, no nivel alto poderían abrir ao 30 % e no resto de nivel ao 50 por cento.

Estas medidas entrarían en vigor a partir da medianoite do martes, 17 de agosto se o TSXG non avala a esixencia do certificado covid para acceder aos locais destes sectores ou no caso de que non se pronuncie. Deixarían de ter efecto no caso de que avalara a medida proposta pola Xunta.

Noticias web

13/08/2021