CRTVG

Buscar

A Xunta crea o covidauto escola para centralizar as PCR de docentes e alumnado

Publicado o 01/10/2020 13:16

• Haberá un segundo cribado para os 40.000 profesionais do Sergas

• Feijóo ve "improvisados" os criterios do Ministerio de Sanidade

 

O presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo anunciou tras o Consello da Xunta unha serie de medidas enfocadas a enfrontar a pandemia. Algunhas delas:

Acordan facer novo cribado a todo o persoal do Sergas, que afecta a 40.000 profesionais. Comeza mañá.

• Circuíto específico para PCR á comunidade educativa a través do covidauto, que comezaría entre mañá e luns para calquera eventualidade que se produza nunha aula. En canto se detecte un caso nunha aula, Educación comunicará ao Sergas as persoas que estiveron en contacto co positivo para que fagan a proba nun dos covidauto que hai nos hospitais galegos. Alí, faráselle a proba PCR. "Usaremos covidautos que xa temos e reforzaremos se é necesario. Trátase de dar unha resposta rápida a alumnos, profesores e familias para baixar a presión asistencial na atención primaria, especialmente a pediátrica", explicou Aberto Núñez Feijóo.

• Inxección de 23 millóns e medio de euros aos centros educativos, un 40 % máis do previsto para gastos correntes. Con estes cartos poderán mercar máscaras hixiénicas lavables para uns cen mil alumnos vulnerables e outros materiais de prevención da covid−19.

• Investimento de tres millóns de euros para a adquisición de material e ferramentas para o inicio do curso nas universidades.

O presidente da Xunta fixo fincapé na necesidade de respectar as medidas e recomendacións sanitarias, especialmente no ámbito familiar e nos círculos máis próximos. "O virus non ten nin coñecidos, nin amigos, nin parentes", indicou, "non podemos baixar a garda".

Nese sentido, Feijóo sinalou as festas nos pisos como un foco de contaxio, e apela aos máis novos a evitaren ese tivo de celebracións polo risco de contaxio que supoñen. "Coñecemos numerosas festas en pisos e bares onde non se respectan as restricións. Lamentamos fondamente estes comportamentos e facemos un chamamento ao respecto".