A Xunta anuncia o peche de todos os centros educativos
A medida entra en vigor o luns, pero pídese a pais e nais que, se poden, eviten levar os fillos á clase a partir de mañá | Pechan centros comunitarios, de día ou ludotecas | Limítanse as grandes concentracións e o uso do transporte público | Hai 36 casos confirmados en Galicia e 28 en estudo. Cinco están na UCI
A Consellería de Sanidade de Galicia confirmou xa 64 casos de infección por coronavirus, un máis que ao mediodía deste xoves, e decidiu deixar de solicitar unha segunda confirmación ao laboratorio central de Majadahonda, onde agora mesmo están pendentes 28 mostras. Así o confirmou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tras unha reunión interdepartamental para o seguimento da evolución desta enfermidade na comunidade, que se celebrou este xoves en Santiago.
Tras o encontro, o presidente galego confirmou que, actualmente, hai en Galicia 36 positivos confirmados, máis outros 28 pendentes das probas de Majadahonda, aínda que xa positivos nas que se realizaron na comunidade. A maior parte dos afectados están na Coruña e 45 están illados en domicilio.
Dado que as probas positivas remitidas a Madrid ata o de agora confirmaron a infección, a Xunta decidiu deixar de remitir a Majadahonda os casos e "dar directamente" os resultados desde Galicia, co obxectivo de "liberar" o laboratorio madrileño. Sobre a evolución do covid-19, Núñez Feijóo expresou a súa "preocupación" polo "gran número de universitarios galegos que están a chegar provenientes doutras comunidades autónomas" tras a suspensión das clases.
"Pedímoslles a estes mozos que chegan que sexan sensibles coas medidas que estamos a trasladar", dixo o presidente, que reclamou que fagan "especial fincapé en seguir as pautas".
"Preocúpanos que, se se pechan as escolas, os nenos poidan xuntarse en grandes grupos a xogar. Pedimos aos pais que o eviten, que aínda que se faga teletraballo despois a xente se xunte en espazos pechados en gran número", exemplificou o presidente galego, que pediu "responsabilidade máxima" aos cidadáns.
Limitar eventos
A Xunta limitará a un máximo de 500 persoas os espectáculos públicos e actividades recreativas que se celebren en lugares pechados e a 1.000 os que teñan lugar ao aire libre.
Para frear a expansión desta enfermidade, a Xunta decidiu suspender a celebración de actividades públicas e recreativas en que participen máis de 500 persoas cando se fagan en espazos pechados.
Ademais, o aforamento das permitidas non deberá superar un terzo do máximo da sala en cuestión; isto é, se a sala ten capacidade para 900 persoas, o aforo estará limitado a 300. Así exemplificou Núñez Feijóo, que precisou que esta medida non afectará a espazos con aforamento igual ou inferior a 50 persoas (o límite recomendado para eventos privados).
Do mesmo xeito, ao aire libre aconséllase a suspensión de todo tipo de eventos, incluídas feiras ou mercados, que superen os 1.000 asistentes.
Cancelación de actividades escolares e extraescolares e noutros centros
O Goberno galego suspendeu todo tipo de actividades que se desenvolva en centros de día de maiores e centros ocupacionais e de menores. Tamén se cancelan as actividades en ludotecas, puntos de atención á infancia, residencias de tempo libre e albergues xuvenís. O Goberno decidiu suspender todas estas actividades a partir deste venres, 13 de marzo de 2020.
Respecto daqueles centros que atendan a usuarios de forma permanente e continua, como os centros residenciais ou para persoas discapacitadas, restrinxirase as visitas e non se procederá ao seu peche, como si ocorrerá cos outros establecementos sociocomunitarios antes mencionados.
Esta decisión farase pública no Diario Oficial de Galicia (DOG) nas próximas horas. Tamén se incluirán outras medidas específicas que entrarán en vigor na mesma data para todos os centros educativos e sociocomunitarios, entre outras entidades galegas.
Estas actuacións para reducir a expansión do virus acordáronse despois de que o titular do Goberno galego anunciase na conferencia de prensa do Consello da Xunta que se suspendían todas as actividades lectivas e extraescolares en todos os niveis educativos.
A partir do próximo luns e durante 14 días os alumnos galegos teñen canceladas as clases presenciais, aínda que a partir deste venres xa se pode empezar a adoptar esta medida.
Transporte público
O presidente do Goberno galego Alberto Núñez Feijóo desaconsellou o uso do transporte público a todas aquelas persoas "vulnerables a infeccións respiratorias" ou que convivan e compartan espazo con persoas que padezan esta patoloxía, e tamén a aquelas que presenten síntomas respiratorios (en "risco potencial") e ás mulleres embarazadas.
A estes grupos, xunto aos que crean que teñen posibilidades de infección, desaconséllaselles usar todo tipo de transporte público en Galicia para evitar pór en risco a súa saúde e previr a expansión do covid-19 entre a poboación galega.