A Xunta anuncia inspeccións cada quince días en todas as residencias
• Denuncian avisos da Xunta previos ás inspeccións nas residencias
• Traballadores e usuarios piden no Parlamento un novo modelo de residencias

A Xunta realizará auditorías en todas as residencias de maiores cada quince días para comprobar que se cumpren todos os protocolos fronte á covid-19 e tamén para axudar con estas medidas de seguridade ante a pandemia.
Así o anunciou a conselleira de Política Social, Fabiola García, na rolda de prensa que ofreceu xunto co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, tras a reunión semanal do subcomité clínico.
Supostos avisos antes da inspección
Esta medida chega unha semana despois de que varias organizacións vencelladas ao coidado de maiores e dependentes denunciaran que a Xunta de Galicia daba avisos previos ás inspeccións.
Durante unha concentración ante a Delegación territorial da Xunta en Vigo, Cristina Moreno, da Asociación de Traballadores de Residencias de Galicia (Trega), detallou que no caso do xeriátrico para o que traballa, en Bembrive (Vigo), a coordinadora dá instrucións con antelación e ven "movementos que non son normais".
Engadiu que "casualmente, o día da inspección estamos todos" os traballadores no centro, pois deixan de cubrirse, segundo dixo, saídas ao hospital non previstas ou visitas a consultas médicas.
Deste xeito, segundo relatan, as residencias "tapan" a súa realidade de cara ás inspeccións. Moreno describe esta realidade pola falta de medios e recursos para facer fronte a unha situación complexa. "Non pode ser que haxa unha soa auxiliar para 15 aseos nunha hora, é inviable (...) Onde ten que haber dúas, tres persoas, hai unha", explica Moreno.
Cribados semanais
Na comparecencia, o responsable de Sanidade informou de que se incrementará a frecuencia de cribados nos centros de maiores, que será cada 7 días en lugar de cada 15, como agora. Unha medida que xa anunciara o presidente Núñez Feijóo no pasado consello da Xunta.
Estes cribados realizaranse a través de probas PCR de saliva e, a maiores, haberá á disposición de todas as residencias tests de antíxenos para realizar a pacientes sintomáticos e aos traballadores que se incorporen novos ou tras un período sen traballar.