A Xunta anuncia cribados quincenais a traballadores de residencias de maiores e de discapacidade
• Morre un terceiro usuario da residencia de Outeiro de Rei
• Permitiranse visitas en residencias aínda que estean en concellos con restricións
• Tamén se realizarán cribados constantes entre o persoal sanitario
• Créase un Comité Educativo
A Xunta adopta novas medidas que afectan as residencias, os seus traballadores e os seus usuarios. O presidente Alberto Núñez Feijóo avanzou na comparecencia logo do Consello da Xunta varias das decisións tomadas co consello do comité clínico de expertos.
Estas decisións chegan logo de que o comité clínico e a Xunta constataran que Galicia está "nunha segunda vaga dende hai semanas".
Esta nova vaga na pandemia chegou "antes do que estaba previsto", aínda que é distinta á anterior. "A pesar de ter 4.000 casos activos, similar aos que había en primavera, moitos son asintomáticos", indicou Feijóo.
Feijóo: "Pensamos que estamos nunha segunda vaga (...). Iniciouse antes do previsto"
— G24 (@G24Noticias) September 10, 2020
Sígueo en directo https://t.co/WvldMzikM0 pic.twitter.com/RBtXrgYdmN
Nese sentido, o presidente da Xunta asegurou que "non é unha cifra que deba preocuparnos en exceso, o que debería preocuparnos é non ter localizados os contaxiados", pois "cantos máis diagnósticos, maior capacidade de controlar a pandemia".
Medidas co foco nas residencias e centros de día
Entre as medidas anunciadas hoxe están:
• Cribados constantes entre o persoal dos centros sanitarios.
• Cribado das 15.000 persoas traballadoras que están nas residencias e centros de discapacidade. Para atallar a cadea de contaxios neses espazos de alto risco que poida vir de fóra da residencia.
Feijóo: "Cada 15 días faremos un cribado dos 15.000 traballadores que están nas residencias da terceira idade e nos centros de discapacidade"
— G24 (@G24Noticias) September 10, 2020
Sígueo en directo https://t.co/afiUuwMxFs pic.twitter.com/F2U7yPFs5x
• Mostraxe aleatoria entre usuarios das 300 residencias para poder "anticiparse a posibles incidencias", sen agardar a sintomatoloxía.
• Protocolo para posibilitar o mantemento das visitas ás residencias da terceira idade.
O obxectivo é frear as consecuencias do illamento nos maiores, que desenvolven trastornos de ansiedade, depresión e condutas sedentarias prexudiciais nestas condicións. Visitas dunha persoa, unha hora e con cita previa, preferentemente en exteriores con ventilación. O protocolo publicarase o luns ou o martes que vén, segundo trasladou Feijóo.
• Manter abertos os centros de día aínda que haxa restricións no concello. Pontevedra e Pontecelo, por exemplo, xa non incorporaran esa limitación entre as restricións impostas.
• Plan de Inspección das residencias, labor conxunto entre inspectores de Servizos sociais e Sanidade. Empezarán polas que teñen máis de 100 internos.
Créase o Comité Educativo
Segundo comunicou Feijóo, o conselleiro de Educación Román Rodríguez trasladoulle que o comezo do curso "foi normal", un curso "absolutamente excepcional" polas "limitacións históricas".
O presidente da Xunta fixo unha chamada á "responsabilidade". "É fundamental que a volta ás aulas sexa un éxito porque o necesitamos. Non podemos volver pechar outra vez de forma xeneralizada o sistema educativo en Galicia nin no conxunto de España. Así o están a entender todos os grandes países do mundo", aseverou Feijóo.
Na comparecencia, o presidente anunciou a creación dun Comité Educativo, conformado por persoal docente e parte do comité clínico, "para que os profesionaios de educación vaian validando e resolvendo as dúbidas nos casos prácticos que se vaian propoñendo en Galicia".
"Será necesario tomar na maioía das veces decisións inéditas. Imos ter que improvisar tomando decisións que nunca antes se tiveran tomado", explicou.