CRTVG

Buscar

A Xunta anima a demandar polo veto do Goberno a comercializar marraxo

Publicado o 01/04/2021 14:39
A Xunta anima a demandar polo veto do Goberno a comercializar marraxo

O Goberno galego convida o sector do palangre en superficie a reclamar “danos e prexuízos”  polo veto do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico á comercialización do marraxo.

Segundo explica a Xunta nun comunicado, un estudo xurídico encargado á Universidade de Santiago conclúe que o bloqueo “é unha decisión arbitraria e contraria ao ordenamento xurídico” polo que “pode recorrerse por vía administrativa ou contencioso-administrativa”.

Ademais, no caso de acreditaren que esta actuación “derivou en danos económicos” para a flota, asegura que o informe insiste na posibilidade de reclamar unha “responsabilidade patrimonial á Administración Xeral do Estado”.

O Executivo subliña que a flota de palangre en superficie conta cunhas cotas de pesca de marraxo que, unha vez capturadas, non pode comercializar ao carecer dos certificados que debe emitir o citado ministerio para avalar a súa importación.

Tendo en conta que a pesca de marraxo está suxeita ás limitacións de captura “fixadas polas organizacións rexionais de pesca e a Unión Europea en base a criterios científicos”, o estudo citado pola Xunta determina que impedir a comercialización “non se pode xustificar dende o punto de vista racional para garantir a conservación da especie”.

Do mesmo xeito, salienta a “falla de coordinación interministerial” xa que a pesca e a comercialización do marraxo “son dúas fases inseparables dunha mesma actividade económica”.

A captura desta especie non é a actividade principal da flota de palangre en superficie pero, segundo a Xunta, complementa os seus ingresos.