A Xunta amplía a cobertura da Tarxeta Benvida e da Tarxeta Xente Nova
• Luz verde á futura Lei de museos
O acordo máis relevante ao que chegou este xoves o Goberno galego foi o de ampliar para o próximo ano as coberturas da Tarxeta Benvida e da Tarxeta Xente Nova, instrumentos de axuda, por un lado, ás familias que deciden ter fillos e, por outro, aos mozos que empregan habitualmente o transporte público para se desprazar. No caso da Tarxeta Benvida, son máis de 36 millóns de euros que beneficiarán de xeito especial familias en situación de especial vulnerabilidade e de concellos rurais.
Tres son as principais novidades que amplían as coberturas da Tarxeta Benvida a partir do mes que vén: a primeira, que as familias que os servizos sociais consideren máis vulnerables poderán estender a axuda mensual ata o cuarto ano de vida do seu fillo.
Ademais, o importe da axuda increméntase un 25% para as familias que residan en concellos de ata 5.000 habitantes. E duplícase durante o primeiro ano para os casos en que o pequeno é o terceiro fillo. Tamén se amplía de dous a tres meses o prazo para que soliciten esta axuda os galegos que regresen do exterior para se establecer na comunidade. En 2020, a Xunta investirá máis de 36 millóns de euros nunha tarxeta da que se poden beneficiar 8 de cada 10 familias con fillos en función da súa renda, máis de 53.000 desde a súa creación en 2016.
O Consello deste xoves aprobou tamén a ampliación da Tarxeta Xente Nova dos 18 aos 21 anos de idade dos seus usuarios, que poderán realizar de balde ata 60 viaxes no transporte público. A partir de 2020 esas viaxes non estarán limitadas ás áreas de transporte metropolitano, senón que cobrirán calquera traxecto interurbano en toda Galicia. Iso permitirá que se beneficien da tarxeta máis de 370.000 persoas, fronte ás 55.000 que a empregaron este último ano.
41 millóns de axudas ao rural
A Xunta acordou tamén destinar 41 millóns de euros en 2020 a tres liñas de subvencións para os habitantes de núcleos rurais. Máis da metade deses cartos, 24 millóns, serán para fomentar a mellora das explotacións agrarias. Outros tres para apoiar o desenvolvemento de pequenas explotacións e os 14 restantes para promover a remuda xeracional no agro galego.
Lei de museos
O executivo que preside Alberto Núñez Feijóo deulle hoxe luz verde ao proxecto de Lei de museos e centros museísticos de Galicia, que será remitido agora ao Parlamento co obxectivo de que estea aprobado no primeiro semestre do ano que estamos xa a piques de estrear. Di a Xunta que esa lei ten dúas finalidades: por un lado, a de regular o réxime xurídico de todos espazos desta natureza que hai na comunidade; e por outro, a de poñer en marcha un sistema galego de centros museísticos que permita facelos máis eficientes.
A futura lei non só afectará os museos, tamén ás coleccións museográficas e aos centros de interpretación do patrimonio cultural de Galicia. Coa súa regulación, a Xunta agarda mellorar a súa eficiencia e adaptalos aos tempos cunha maior coordinación, colaboración e complementariedade entre os distintos espazos, que no texto verán recoñecida súa dimensión social, investigadora, pedagóxica e económica.
O goberno galego cre preciso asegurar xurídicamente a actividade duns centros que considera fundamentais na democratización do acceso á cultura.