CRTVG

Buscar

Juan, 91 anos, usuario dunha residencia, imaxe da superación en tempo de covid

Publicado o 22/06/2021 15:33

Juan ponlle nome a todos os que máis sufriron nesta pandemia. E é o protagonista dun video co que o goberno galego quere agradecer o esforzo e a entrega do persoal sociosanitario.

Con este vídeo queren agradecer todo o esforzo, entrega, dedicación e compromiso de todo o persoal de todas as residencias de Galicia que durante todo este tempo de pandemia traballaron sen descanso para protexer os colectivos máis vulnerables, falamos dos maiores e tamén das persoas con discapacidade. E a este vídeo quixeron poñerlle rostro, o rostro de Juan, un usuario desta residencia de Arteixo que é un grande afeccionado ás maquetas.

"Juan é o exemplo de que a ocupación significativa dá sentido ás nosas vidas". A que fala é Patricia Pazos, a directora do Centro Residencia de Arteixo. Din que manter as mans e a mente ocupadas axuda a superar o estrés e a ansiedade e senón que llelo pregunten a Juan, o protagonista do vídeo co que a Xunta quere mostrar o seu agradecemento a todos os profesionais sanitarios de Galicia polo traballo que realizaron.

"Estou moi contento e moi agradecido, máis que nada agradecido, eu podo dicir que son marabillosas todas elas", comenta Juan o protagonista do video. Aos seus 91 anos Juan que estivo a maior parte da súa vida emigrado, superou con éxito o confinamento grazas a poder manter viva a ilusión por seguir facendo maquetas.

Juan séntese alí como na propia casa, "igualiño ou mellor. Onte á noite estiven toda a noite traballando, había unha cousa que non me saía, non saía e saíu, e deiteime ás 8 da mañá". Juan conta que o seu segredo para estar así de ben é que no bebe nin fuma. 

Noticias web

22/06/2021