CRTVG

Buscar

A Xunta activa este sábado o aviso laranxa por temporal costeiro no litoral da Coruña

Publicado o 14/02/2020 19:04
A Xunta activa este sábado o aviso laranxa por temporal costeiro no litoral da Coruña

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia activou para este sábado o aviso laranxa por temporal costeiro no noroeste e oeste da provincia da Coruña. Segundo informa este departamento da Administración autonómica, o fenómeno meteorolóxico adverso dará comezo esta madrugada por mar combinado de oeste-noroeste con ondas de ata 6 metros. A situación agravarase a partir do mediodía, xa que se esperan ventos do suroeste de forza 7. En canto ao resto do litoral de Galicia, a alerta será de nivel amarelo por mar combinado do oeste-suroeste con ondas de ata 5 metros. 

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior xa informou da situación os concellos das provincias afectadas, as deputacións, os servizos provinciais e s agrupacións de voluntarios de Protección Civil e os clubs náuticos, entre outros. Con estas xestións espérase que as institucións adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Ademais, a Xunta lembra a importancia de que as persoas "se manteñan afastadas" da liña de costa, é dicir, de diques, peiraos, espigóns, praias, paseos marítimos e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar, co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. Tamén é preciso que eviten aproximarse e vixiar posibles caídas de obxectos de balcóns e xanelas. Así mesmo, o Goberno galego aconsella "extremar as medidas de seguridade" se se realiza calquera actividade no mar e "revisar os cabos e amarres" das embarcacións.