CRTVG

Buscar

A Xunta abre un expediente a Naturgy polos cortes de luz en varios concellos de Lugo

Publicado o 07/12/2020 17:05

• A compañía afirma que o servizo está restablecido "por completo", pero que pode faltar "algunha subministración individual" sen reparar

• Máis de 6.000 vivendas quedaron sen luz pola nevarada

A Xunta abre un expediente a Naturgy polos cortes de luz en varios concellos de Lugo

A Xunta de Galicia abriu este luns un expediente informativo a UFD (distribuidora de electricidade de Naturgy) pola interrupción na subministración eléctrica en múltiples concellos da provincia de Lugo tras a borrasca Dora, que azoutou Galicia durante a pasada fin de semana.

Os ventos e as nevadas provocados polo temporal que desde o venres afectou á comunidade galega, maioritariamente en zonas de montaña e de interior, provocou numerosas incidencias (a maioría rexistradas en Lugo) tanto nas estradas como na rede eléctrica, vinculadas a acumulacións de xeo e a caídas de árbores.

Tal e como informou o Goberno galego nun comunicado, Naturgy terá cinco días hábiles de prazo desde a recepción do expediente informativo para presentar datos respecto ao tempo de interrupción do servizo e o número de afectados, o tempo medio de reposición do servizo e a cifra de efectivos despregados para o restablecemento da subministración, así como os datos disgregados por concellos.

"O obxectivo é determinar o adecuado cumprimento por parte da compañía titular das redes de distribución da súa obrigación de mantelas en condicións adecuadas de conservación e idoneidade técnica", manifestou a Xunta a través da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Se finalmente, tras achegar a debida información Naturgy e estudala a Xunta, se determina que se puxo en risco a garantía de subministración ou xerou algún perigo ou dano grave para as persoas, bens ou medio ambiente, incoarase un expediente sancionador.

A distribuidora defende unha subministración eléctrica recuperada "por completo"

Pola súa banda, Naturgy recalcou que a subministración eléctrica (de media tensión) repúxose "completamente" ás 22:30 horas do domingo, como aseguraran que farían ao longo da pasada fin de semana, no que se contabilizaron ata 6.000 clientes sen luz, segundo datos da propia distribuidora.

A este respecto, a compañía destacou que, durante a fin de semana, mobilizou máis de 100 traballadores e 30 vehículos para levar a cabo as reparacións en condicións "adversas", con estradas cortadas pola neve e baixas temperaturas.

Ademais, incidiu en que se mobilizaron grupos de xeradores para "axilizar as reposicións" do servizo afectado pola borrasca Dora.

Con todo, Naturgy recoñeceu que é "posible" que quede "algunha subministración individual de baixa tensión" sen restaurar, pero subliñou que os operarios de campo continúan traballando, revisando "casa por casa" as instalacións que sufriron algún tipo de dano.

Continúan as complicacións en Castrverde

Unha das localidades lucenses onde continúan as "complicacións" é Castroverde, cuxo alcalde, José María Seijas, confirmou que o temporal de choiva e neve da fin de semana provocou problemas de luz e telefonía en durante "dous días e medio".

"Con calquera tipo de incidencia, por menor que sexa, quedamos sen luz e sen telefonía no rural", denunciou Seijas.

Aínda que recoñeceu que as complicacións non foron "graves", pediulle á Xunta que presione ás compañías eléctricas e de telefonía para que non se repitan estes problemas.

"Hai que formular unha política seria ante as eléctricas e ante as empresas de telefonía", defendeu Seijas.

"Se se chega a producir un ciclón botariamos quince días illados, sen luz, sen servizo de telefonía e sen nada", advertiu o alcalde de Castroverde.