Xulgan o maior dos Moróns acusado de entrar a tiros nunha festa dos Zamoranos
Xuízo ao irmán maior de Sinaí Giménez, do clan dos Moróns. Está acusado de entrar pegando tiros nunha pedida de man do clan dos Zamoranos e ferir dúas persoas. Nese momento os dous clans estaban en plena loita polo control das feiras. O fiscal pide nove anos de cadea para el e outros nove para un home que o acompañaba.
Juan Paulo Giménez, irmán maior do coñecido como rei dos xitanos Sinaí Giménez, negou que entrase armado no centro multiusos deportivo do Porriño cando se celebraba alí unha festa de pedida de man dunha moza pertencente a unha familia do clan dos Zamoranos.
"Do clan coñecido como os Zamoranos son vostedes inimigos?", preguntábanllle durante o interrogatorio a Juan Paulo Giménez quen dicía que "a miña familia, posiblemente; eu non, porque a miña señora e nai dos meus fillos é do clan dos Zamoranos, é filla dun dos patriacas. Eu non sou un inimigo; ao contrario, ámanme e adóranme".
Segundo a Fiscalía, levaba unha pistola e disparou ao teito. Dúas balas rebotaron e bateron en dúas persoas: unha moza, á que lle causaron feridas de gravidade na cara e tivo que someterse a unha operación no hospital Povisa de Vigo, e un mozo, que quedou ferido nun ombreiro e precisou cirurxía e rehabilitación.
Juan Paulo ía acompañado por Rafael, tamén acusado, co que fuxiu nun coche. Rafael tamén negou os feitos. Juan Paulo estivo 17 meses en busca e captura ata que foi localizado pola Policía Xudicial.
"Eu non estiven desaparecido un ano e seis meses, segundo os seus cálculos, porque teño 56 presentacións nos xulgados e recollida de documentación do xulgado número 1 de Pontevedra", di.
A Fiscalía pide para cada un dos acusados unha condena de nove anos de prisión e unha indemnización ás dúas vítimas de case 70.000 euros polas feridas e secuelas producidas.