A xuíza mantén a suspensión cautelar da repatriación de nove menores en Ceuta

EFE
A maxistrada do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Ceuta notificou que mantén a suspensión cautelar urxente da repatriación de nove menores migrantes que foi solicitada pola Asociación Coordinadora de Barrios para o Seguimento de Menores e Mozos.
Esta asociación, xunto coa Fundación Raíces, solicitou o pasado 16 de agosto a suspensión da devolución de 12 menores, pero tres deles xa estaban en Marrocos. A xuíza acordou que se suspendese o procedemento para os nove que non chegaron a cruzar a fronteira, e agora ratifica esa decisión.
Días despois, e tras a apertura doutros procedementos en instancias xudiciais, o Goberno da cidade autónoma anunciou que mantería paralizada a devolución do resto de menores que seguen en Ceuta desde a entrada masiva do pasado mes de maio ata que haxa un pronunciamento xudicial definitivo.
Segundo se recolle no auto emitido este mércores pola maxistrada e ao que tivo acceso Efe, unha vez estudada toda a documentación presentada pola Delegación do Goberno e a Fiscalía, decidiuse "manter a suspensión da actuación material dirixida a repatriar os menores non acompañados que aínda non foron devoltos a Marrocos".
No auto indica que, "se se levanta esa medida, están a permitir a repatriación dos mesmos; polo que, se se dita sentenza estimatoria da pretensión da parte actora, esta sería absolutamente ineficaz ao executarse unha decisión administrativa vulneradora dun dereito fundamental, sen lograrse o amparo pretendido ao atoparse o menor en Marrocos".
No auto queda recollido que non consta que se cumpriu con ningún os preceptivos trámites que esixe a Lei de estranxeiría, resaltándose que non se achegou información algunha dos menores afectados que puidese permitir coñecer os datos que determinaron a súa repatriación.
Ademais, engade que "non consta que se comunicou o inicio do proceso de repatriación nin aos menores nin á Cidade Autónoma de Ceuta, a pesar de asumir esta a garda dos menores, nin tampouco ao Ministerio Fiscal", polo que non se pode saber se estas repatriacións cumpren cos trámites esixidos.
A maxistrada lembra ás partes implicadas que "un dos principios esenciais do ordenamento é que as leis deben cumprirse nos seus propios termos", destacando que precisamente iso implica que "todos, incluídas as Administracións, teñen a obrigación das normas vixentes, sen realizar excepcións non contempladas expresamente no propio texto normativo".
Sobre esta cuestión tamén pon de manifesto que o incumprimento destes trámites que están recollidos no ordenamento xurídico "xeran indefensión nos menores que foron privados da posibilidade de formular alegacións ou propor proba; de coñecer os concretos datos tidos en conta para adoptar tal decisión; e de poder accionar os recursos establecidos para deixar sen efecto a resolución".
Unha vez coñecida a decisión da maxistrada do Contencioso-Administrativo número 1 de Ceuta haberá que estar á espera de se a Cidade ou a Avogacía do Estado a recorren, xa que, tal e como se resalta no auto, "cabe interpoñer recurso de apelación nun só efecto".