CRTVG

Buscar

A xuíza chama dúas persoas a declarar como investigadas no caso da lotaría premiada da Coruña

Publicado o 25/10/2019 14:36

Esta mañá, o loteiro da administración da praza do Santo Agostiño declinou facer calquera tipo de declaración diante da das cámaras agora que a xuíza que instrúe o caso citou a declarar como investigadas dúas persoas, segundo confirmou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O que aínda non está confirmado son as súas identidades, malia que todo apunta a que se trata do titular do despacho no que se comprobou a Primitiva premiada con máis de 4.700.000 euros.

E é que, segundo un informe policial que, supostamente, xa transcendera en agosto, o loteiro foi o que comprobou ese boleto premiado e quen, presuntamente, llo ocultou ao dono. Daquela, o loteiro dicía que todo tiña unha explicación.

Un informe que sinalaría tamén a seu irmán, delegado provincial de Loterías e Apostas do Estado na Coruña por, presuntamente, encubrilo. Concluiría que ambos os dous agorcharon esa Primitiva premiada durante un ano e medio imposibilitando así que a policía puidese recuperar as gravacións da cámara de seguridade da administración do Carrefour, onde se selou o boleto.

Agora, supostamente, eles irán declarar ante a xuíza para responder como supostos autores dun delito de apropiación indebida.

Noticias web

25/10/2019