CRTVG

Buscar

A xuíza procesa a Sito Miñanco e Gonzalo Boye por narcotráfico e branqueo

Publicado o 18/12/2020 19:07
A xuíza procesa a Sito Miñanco e Gonzalo Boye por narcotráfico e branqueo

A xuíza da Audiencia Nacional María Tardón propuxo xulgar a José Ramón Prado Bugallo, Sito Miñanco, e outras 45 persoas físicas, entre elas o avogado Gonzalo Boye, pola súa presunta participación en dúas operacións coas que pretendían introducir en España case catro toneladas de cocaína e pola creación dunha estrutura criminal para branquear o diñeiro obtido coa droga.

Nun auto de pase de dilixencias previas ao procedemento abreviado, a titular do Xulgado Central de Instrución número 4 recolle a solicitude da Fiscalía Antidroga e explica que esta investigación se iniciou en febreiro de 2016, cando Sito Miñanco se atopaba cumprindo condena de 16 anos no centro penal de Alxeciras por un delito contra a saúde pública e gozaba xa do terceiro grao, o que lle permitía traballar nun aparcadoiro desa localidade.

A xuíza indica que a súa actividade continuaba sendo a introdución e distribución de substancias estupefacientes en España, por canto mantiña os seus contactos en organizacións subministradoras da droga en América do Sur e a infraestrutura persoal necesaria, "un ben nutrido grupo de individuos, que, en moitos casos, xa acumularan unha apreciable experiencia criminal no negocio do narcotráfico, e que estaban dispostos a participar nestas operacións, executando de forma case reverencial calquera actividade".