CRTVG

Buscar

A xente maior que vive soa é o obxectivo principal das vendas abusivas a domicilio

Publicado o 22/04/2019 13:58

Xente maior e que vive soa, este é o perfil que buscan os comerciais que realizan vendas abusivas a domicilio. Chegan ás casas con algún agasallo e amosando produtos que supostamente mellorarán a nosa saúde.

Víctor Muñoz, presidente de FACUA Galicia: "O que fan é dicirnos o que queremos escoitar. Sexa cal sexa a doenza que teñamos, é ben curioso que os que veñen teñen un produto que cura ou alivia a nosa doenza".

Trátase de prácticas que bordean o límite da legalidade e coas que cómpre estar atento. Os produtos adoitan ser caros e en ocasións mesmo chegan a asinarse contratos con financeiras. Hai 14 días para desistir das compras e tamén se pode denunciar.

Víctor Muñoz, presidente de FACUA Galicia: "Outras opcións son reclamar, sexa a través dunha asociación de consumidores, porque o que se nos dixo non se cumpre, ou incluso por vía penal, de denuncia".

A vergoña de verse estafado paraliza en moitas ocasións as denuncias, pero cómpre alertar destes casos. En 2018 e no que vai de ano presentáronse no Instituto Galego de Consumo máis de medio cento de reclamacións relativas á venda a domicilio de produtos con fins terapéuticos e abríronse dez expedientes sancionadores.

Noticias web

22/04/2019