CRTVG

Buscar

Pedro Sánchez enfróntase á votación de investidura máis axustada da democracia

Publicado o 07/01/2020 08:59

• O pleno retómase ao mediodía, cun breve discurso de Sanchez, e logo, quenda de intervencións de todas as forzas políticas

• A votación de investidura non poderá ser antes das 12:45 horas

• Os nomes dos ministros daríanse a coñecer o mércores

A votación da investidura máis axustada da historia desenvólvese este mediodía no Congreso dos Deputados. O pleno retómase ás 12 do mediodía, pero a votación non poderá celebrarse antes da unha menos cuarto. Un só voto cambiado de bando, do si ao non, podería facer decaer a investidura, polo que están activadas todas as alertas. 

O pleno retómase a mediodía cun breve discurso do candidato, Pedro Sánchez, tras o que haberá quenda de intervención de todas as forzas políticas, que terán que ser breves. E a partir da unha menos cuarto, nunca antes, daría comezo a votación definitiva. Nominal, un a un, a viva voz e en pé.

Os deputados do PSOE e de Unidas Podemos pasaron a noite en Madrid para evitar imprevistos nos desprazamentos, mentres os deputados de Bildu propuxeron aos de Esquerra corrixir con algún voto positivo seu calquera disfunción que puidese producirse nas bancadas dos socios de goberno para evitar que a investidura decaia.

Ata 8.000 correo con presións e ameazas nas últimas horas recibiu o deputado Tomas Guitarte, de Teruel Existe.

"Non podiamos imaxinar ata que punto se traspasaron as barreiras do sentido da democracia e o sentido común. As presións están sendo, foron e son tremendas", dixo Manuel Gimeno.

O voceiro de Teruel Existe di que sente vergoña polo clima de falta de respecto das dúas primeiras xornadas de pleno e cre que a xente común non entende as formas que se viron estes días no Congreso. Tamén denunciaron presións para cambiar de voto varios deputados e deputadas socialistas, mesmo ministras; algunhas desas presións, as máis insistentes, xa están a ser investigadas pola Garda Civil.

A deputada de Coalición Canaria Ana Oramas volverá desobeceder o mandato de abstención da súa formación política e, baixo a seguridade de ser sancionada, votará non.

Así, quedan horas para aclarar unha investidura que se espera que prospere, malia o resultado axustado, 10 meses despois de disolver as Cortes. Sánchez e Iglesias poderían presentar mañá o seu goberno e celebrar este mesmo venres o seu primeiro Consello de Ministros.

Noticias web

07/01/2020