CRTVG

Buscar

Acusan a Bildu de menosprezar o Rei no Congreso e a Sánchez de non saír defendelo

Publicado o 05/01/2020 17:43

Unha das maiores rifas no Congreso dos últimos anos: así foi definido xa por algúns analistas o sucedido coa intervención da voceira de EH Bildu, Mertxe Aizpurúa. As súas críticas ao papel do Rei tras o referendo de Cataluña ou a mención a Arnaldo Otegi xeraron rebumbio e lea, co secretario da Cámara, Adolfo Suárez Illana, dándolle as costas. Mentres, a presidenta do Congreso, Meritxell Batet, reiteraba as chamadas á orde e a permitir a liberdade de exporesión.

Situacións semellantes repetíronse ao longo da intervención de Aizpurúa, sobre todo cando dixo que a dereita esgotara en dous días os argumentos das películas de terror. No debate de ideas manifestáronse, en principio, diverxencias entre Bildu e Pedro Sánchez.


 "Dicía que a Constitución, que é o tope que se pon moitas veces para a abordar o problema territorial, non pode ser un cárcere de pobos", sinalaba Aizpurúa. E replicáblle Sánchez: "Eu nunca vin a Constitución como un teito, nin como un cárcere. Eu creo que a Constitución deu os mellores anos de desenvolvemento, de prosperidade, de progreso e de democracia"

Despois das diverxencias, algunhas afinidades. A formación abertzale deixou patente que a súa abstención para permitir a investidura de Sánchez é un voto de confianza inicial sen inxenuidades. "Sen os nosos votos e sen atender as demandas das nosas nacións non hai nin haberá gobernos de progreso", sinalaba a voceira abertzale. Finalizaba Sánchez: "Agradézolle polo menos que vostedes faciliten coa súa abstención a formación do goberno".

Ao remate, o líder do Partido Popular afeoulle a Sánchez a súa actitude fronte a Bildu: "O máis escandaloso é que o candidato á presidencia do Goberno non defendeu a Constitución, nin o Rei de España, nin as vítimas o terrorismo".

Despois do cruzamento de aplausos e apupos, o deputado de Ciudadanos, Edmundo Bal, tamén censurou que Sánchez no saíse en defensa do Rei.

Noticias web

05/01/2020