CRTVG

Buscar

Enterrada en Sober a muller asasinada o venres a mans da súa parella en Madrid

Publicado o 10/03/2019 20:29

Este domingo, veciños e familiares de Estrella Domínguez, a muller asasinada a mans da súa parella o venres en Ciudad Lineal, despedirona na máis estricta intimidade.  O municipio lucense de Sober gardará un minuto de silencio o luns en memoria da súa veciña.

A autopsia e a investigación policial determinarán como sucederon os feitos, pero os primeiros indicios apuntan a que o home pegoulle un tiro coa súa escopeta de caza. Despois suicidouse. A muller estivera o sábado pasado en Sober, onde residen os seus pais, os que visitaba cada quince días. 

A vítima era natural do Concello lucense de Sober, dunha pequena aldea da parroquia de Rosende. Aquí tiñan a casa os seus pais, que son moi maiores e agora viven na residencia de anciáns. Estrella Domínguez, de 63 anos, viña velos con moita frecuencia. A última vez fai xusto unha semana.

"O pasado sábado, que foi sábado de entroido, estivo na residencia. Veu visitar os seus pais. Viña habitualmente cada quince días e coincidiu. Fomos cunha comparsa, disfrazados, e estiven falando con ela. Habitualmente tanto ela coma a súa irmá solían combinarse, unha semana viña unha; outra semana viña outra a acompañar os seus pais, que están na residencia da terceira idade de Sober", explica o alcalde de Sober, Luís Fernández Guitián.

Aínda que levaba anos asentada en Madrid, a muller era moi apreciada polos seus veciños. A corporación acordou dous días de dó polo seu pasamento e unha concentración o luns.

"Fixemos o que viamos que estaba ó noso alcalnce, que foi declarar dous días de loito oficial, poñer as bandeiras do Concello a media hasta e convocar unha concentración para o luns ás doce da mañá en repulsa de todo tipo de actos de violencia de xénero", informa o alcalde.

Estrella levaba coa actual parella, e posible autor do crime, preto de vinte anos. Segundo parece, a súa relación era boa e non existía denuncia por malos tratos. A morte foi por un tiro de escopeta que realizou supostamente o seu home, que atoparon sen vida noutra habitación cun disparo feito coa mesma arma.

A autopsia e a investigación policial determinarán como sucederon os feitos. Estrella Domínguez será enterrada mañá en Sober. De confirmarse, sería a décima vítima mortal de violencia machista no que vai de ano.

Noticias web

10/03/2019